Monday 06 de May de 2024

Boqueixón amplía en 15 días o prazo para solicitar as axudas á escolarización e adquisición de material informático


O Concello de Boqueixón ampliará en 15 días o prazo para solicitar as axudas á escolarización e adquisición de material informático para facilitar o acceso das familias do municipio a estas subvencións. Unha convocatoria á que o Concello destina 12.000 euros e cuxo prazo de presentación remataba este domingo 17 de outubro.

As familias de Boqueixón con fillos/as cursando estudos de segundo ciclo de Educación Infantil, Educación Primaria, ESO e Bacharelato poderán optar entre dúas liñas de axudas: adquisición de material informático ou para material local. As que opten por solicitar as axudas para a adquisición de ordenadores de sobremesa ou portátiles, poderán recibir ata un máximo de 250 euros por alumno e alumna, cun límite de 400 euros por unidade familiar. Unhas axudas que non se poderán solicitar para alumnado de educación infantil.

A segunda liña subvencionará os gastos derivados do material escolar, é dicir, todo tipo de material agás os libros de texto xa subvencionados ou de préstamo. A contía máxima será de 100 euros por alumno de infantil, primaria e secundaria; así como 150 euros para alumnado de Bacharelato. O límite por unidade familiar será de 300 euros.

Ambas as dúas liñas de axuda están destinadas a familias que se atopen nunhas condicións socioeconómicas menos vantaxosas e son unha aposta do Concello de Boqueixón por colaborar con estas persoas para que poidan facer fronte a gastos específicos e necesarios para previr ou evitar situacións de exclusión social. Así, o límite de recursos económicos establécese tomando como referencia o IPREM do ano 2021.

As solicitudes presentarase, coa documentación correspondente, no Rexistro Xeral do Concello de Boqueixón ou a través da sede electrónica. Máis información e documentación na web municipal www.boqueixon.gal.